Thursday 02 de May de 2024

A contorna da piscina de Carral converterase no lenzo dun mural para concienciar sobre as desigualdades de xénero


· A iniciativa levarase a cabo como parte do programa Elas son artistas.

· Ademais da pintura, o programa desta fin de semana incluirá un concerto a cargo da cantante Pauliña (domingo, 13 de xuño ás 19.30 horas na piscina) e unha actuación de danza por parte da compañía Entremáns.

O Concello levará a cabo, ao longo de toda a fin de semana, varias actividades nas que a música, a pintura e a danza serán as grandes protagonistas. Como parte do programa Elas son artistas, a piscina municipal de Carral converterase no lenzo dun obradoiro de pintura mural co que se busca concienciará mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo.

Este obradoiro terá lugar o sábado, 12 de xuño de 11.00 a 14.00 horas, e o domingo, 13 de xuño, de 10.00 a 19.00 horas –cunha pausa para comer-. O sábado impartirase a parte teórica da actividade, mentres que o domingo será a quenda da parte práctica, coa que se dará continuidade ao mural iniciado o ano pasado, tamén como parte de Elas son Artistas.

A programación da fin de semana incluirá, ademais, unha actuación a cargo da cantante Pauliña, tamén na piscina municipal (domingo, 13 de xuño ás 19.30 horas). Este acto será de entrada libre e ata completar aforo. Así mesmo, e como broche final do obradoiro, terá lugar a actuación da agrupación Entremáns, que interpretará a peza Amparo, baseada na novela “La Tribuna”, de Emilia Pardo Bazán.

Atendendo ás restricións sanitarias pola covid-19, as persoas interesadas deberán anotarse chamando previamente ao 981 67 25 80.